A Costa da Morte é unha das costas máis perigosas do mundo polos seus acantilados e as súas fortes correntes. É o lugar no que se ambienta Sica, o debut na ficción de Carla Subirana, directora que rodou esta película en galego e catalán. Sica, a protagonista, é unha adolescente que está asumindo a morte do seu pai, capitán dun barco que acaba de naufragar, cuxo corpo aínda non se atopou. Sica está obsesionada con que o mar lle devolva o corpo do seu pai, mentres ó seu redor todo parece ir en contra.
O mar dende os ollos de Sica
Sica (Thais García) e a súa nai (Núria Prims) precisan dun corpo ó que chorar. Pero tamén necesitan algo máis: un corpo que lles dea a condición de viúva e orfa. Antes do 2000, tiñan que pasar anos ata que as persoas desaparecidas no mar foran consideradas falecidas, e, polo tanto, as súas familas—que, en xeral, dependían económicamente delas— puidesen acceder a unha pensión. Sica retrata aqueles anos escuros, unha época na que o dó non se podía vivir dende a calma, porque a morte traía consigo moitos problemas máis alá da ausencia. Detrás desta ficción hai moitas historias reais, case sempre historias de mulleres que perderon os seus pais, homes e fillos no mar e non tiveron un corpo ó que chorar.
En Sica, esta historia vívese a través dos ollos da protagonista, a filla do mariñeiro. É unha película realista, con actores e actrices non profesionais, cun tratamento da imaxe que se aproxima ao documental… Pero que non impide que o vexamos todo dende a mente de Sica. Dende a súa subxectividade, escoitamos os murmurios dun pai que fala a través da Furna das Grallas. Percibimos todo como o percibe Sica, dende o punto de vista dunha adolescente que non acaba de entender o que pasa, pero que tampouco é allea ás conversas e rumores dos veciños. Imos descubrindo o gran misterio da película con ela, escoitando a medias o que din os adultos, entendendo a medias o que está a pasar.
Ι Ler máis: Unha película ou serie en galego por cada xénero
Todos temos sal na pel
Imaxe promocional de Sica
O que fai especial a Sica é que lle da un espazo a unha protagonista que adoita ser un personaxe secundario: unha persoa seria, cunha mirada savaxe, enfadada co mundo. Sica non pensa en ligar nin en beber porque a vida a pon noutro lugar. E porque ser adolescente non é, nin debería ser, unha personalidade; hai infinitas formas de selo e Sica sabe que non ten que adaptarse ao que os seus compañeiros agardan dela. Aínda que polo camiño se separe da súa amiga de toda a vida, e se convirta nunha outsider co seu novo amigo cazatormentas. Atopar unha persoa que a entende permite a Sica crecer, sen que crecer signifique deixar de crer no que cre co corazón. E aínda que xestione o dó dunha forma distinta, e a xulguen por obsesionarse co mar, «todos tenemos sal na pel», di.
Todos os elementos en Sica reman nunha mesma dirección para conseguir a naturalidade e o realismo que pide unha película coma esta. A imaxe en 16mm, o diseño sonoro e a música consiguen que o filme ula a mar, que se sintan o vento e o frío dende a butaca. Carla Subirana mira con fascinación cara unha paisaxe que atravesa a pantalla. Trasládanos a atracción que sinte Sica polo mar, un mar que está segura que lle devolverá o que lle pertence.
¿Te ha gustado?
¡Ayúdanos a seguir escribiendo!
Invítanos a un café a través de Ko-fi.