No audiovisual galego hai tanta riqueza que non resulta difícil atopar un título por cada xénero cinematográfico que se che ocorra. Para celebrar o Día das Letras Galegas, seleccionamos estas seis películas (e unha serie) en galego dos últimos anos, para todos os gustos e para todos os públicos.
Comedia: Cuñados (Toño López, 2021)
Eduardo (Miguel de Lira) e Sabonis (Xosé A. Touriñán) son cuñados e necesitan moitos cartos para solucionar un lío no que se meteron. Para conseguilos, deciden secuestrar a Modesto (Fede Pérez), cuñado dunha gran empresaria á que pretenden pedir un rescate que ela non ten a intención de pagar. Pero isto non é México, é Ourense, así que os tres cuñados emprenden unha fuxida cara diante, previa borracheira con viño do Ribeiro, na que todo pode saír mal. Unha das comedias máis exitosas do cine galego, que lle podes poñer á túa avoa, ao teu sobriño e, claro, ó teu cuñado.
Baseada en feitos reais: A illa das mentiras (Paula Cons, 2020)
No ano 1921, o Santa Isabel naufragou nas costas galegas. Concretamente, na illa de Sálvora. Foron tres mulleres as que, a falta de homes, se botaron á mar para intentar salvar aos náufragos. Máis tarde, un xornalista arxentino chega á illa para cubrir a nova e atopa demasiados misterios e segredos sobre o día do naufraxio. Paula Cons recupera esta historia real para convertila nun thriller inquietante e reivindicar a figura destas tres mulleres que Galicia parecía ter olvidado.
Terror: Malencolía (Alfonso Zarauza, 2022)
Despois de firmar películas tan diferentes como a comedia Encallados (2013) ou o drama Ons (2020), Alfonso Zarauza rodou en apenas dúas semanas esta película de terror con elementos de comedia. Conta a historia dunha parella, interpretada por Melania Cruz e Xulio Abonjo, que, tras dez anos vivindo en Berlín, decide mercar unha casa nunha aldea na que non vive ninguén máis… ou iso cren eles.
Ι Leer más: Ons y otros 4 ejemplos de cómo el aislamiento intensifica la narración
Thriller: O sabor das margaridas (Ghlaeb Jaber Martínez, Eligio Montero y Raquel Arias, 2018)
Malia o seu baixo orzamento, esta serie galega trunfou en todo o mundo a través de Netflix. Nunha vila de Galicia desaparece unha traballadora dunha gasolineira, pero ninguén parece preocupado pola súa ausencia. A encargada de investigar a desaparición é a novata Rosa Vargas. A súa historia interesou tanto á audiencia que en 2021 Netflix encargou unha segunda tempada, centrada no mundo da prostitución de menores.
Documental: Welcome to ma maison (Andrés Goteira, 2021)
Igor quere coñecer a Nicolas Winding Refn, director de Drive (2011) e The Neon Demon (2016), entre outras. Na película acompañámolo na súa misión para rematar reflexionando sobre o que pode chegar a significar o cine para alguén, sobre a verdadeira paixón e a dor de non acadar o que se desexa. Un documental no que tamén ten cabida a ficción; para estudala, respetala e ata rirse dela. Cine sobre cine, feito por amantes do cine.
Drama: A estación violenta (Anxos Fazáns, 2017)
A película perfecta para ver se tes pouco tempo —dura unha hora e dez— pero queres ver algo profundo e con significado. Adaptando libremente unha novela de Manuel Jabois, esta película céntrase no reencontro dun grupo de amigos da universidade e as súas lembranzas, anhelos, amores e soños. Unha película para sentir.
Fantástico: Lúa Vermella (Lois Patiño, 2020)
Lúa vermella é unha historia de pantasmas. De meigas, de monstros, de bestas mariñas. Sen renunciar ao seu habitual ton intimista e reivindicativo da paisaxe e cultura galegas, Lois Patiño crea unha película cunha inquietante aura de misticismo. Un ensaio visual co fío condutor das tres mulleres que buscan a un mariñeiro desaparecido no mar.
Ι Leer más: Del lado de los fantasmas: Los otros y A Ghost Story