Ángeles Huerta estrea hoxe a película de terror folk galega O corpo aberto. Unha marabillosa historia a cabalo entre o melodrama e o horror que, tras o seu paso pola SEMINCI ou o Festival de Ourense, ven de gañar o premio a mellor película asturiana no Festival de Xixón.
Ι Este artigo tamén está dispoñible en castelán
A obra baséase no relato Lobosandaus (1991), escrito por un dos autores clave da literatura galega contemporánea, Xose Luís Méndez Ferrín. Conta a historia dun mestre destinado nunha remota vila da raia a comezos do século pasado. Alí, cunha mirada empírica e racional, terá que enfrontarse aos misterios que a ciencia non sabe entender.
Falamos con Ángeles sobre a súa película e sobre como constrúe un relato fronteirizo, non só entre Galiza e Portugal, senón tamén entre os límites da identidade, do xénero, da moral, da vida e da morte.
De Lobosandaus a O corpo aberto
O que primeiro chama a atención de Ángeles para adaptar a historia de Ferrín e que se trata dun relato clásico de xénero, algo «cun potencial estético moi potente». Imaxes como as de A noite do cazador, de Charles Laughton (1955) son as primeiras que veñen a súa cabeza. «É un conto romántico e unha viaxe cara a escuridade». Porque ao ser un relato gótico é tamén súper romántico, e a esta directora non lle interesa outra cousa que non sexan «paixóns desatadas», nin como directora nin como espectadora.
Ángeles cóntanos como se enfrenta ao relato de Ferrín, non dende unha fidelidade solemne, senón con toda liberdade. Respectando o esqueleto orixinal, emprega Lobosandaus para falar de temas moi contemporáneos, como son a idea do xénero como unha opción performativa, o líquido das fronteiras, o xénero queer… Moitas ideas que, aínda que non estivesen no relato, este si presentaba un universo perfecto para exploralas. Así, e cun autor como Ferrín, sempre aberto a novas interpretacións da súa obra, Ángeles constrúe unha versión tan persoal e moderna como honesta coa semente orixinal.
Ι Ler máis: Roque Baños y la música en el cine de terror
E é que adaptar unha obra implica, por suposto, o complexo traballo de comprender que universos cinematográficos paga a pena explotar, e cales son demasiado literarios para a súa adaptación ao cine. Unha relación entre relato e película, no caso de O corpo aberto, en constante diálogo, e que se estende ata a fase final da montaxe. Alí tómanse decisións como a de introducirnos neste universo a través das cartas que o protagonista lle escribe ao seu tío. Unha idea que xa estaba no texto de Ferrín e que axudou a construír, cóntanos Ángeles, un relato que tira de fontes victorianas. Algo que lembra aquela novela de Bram Stocker, con aquel avogado da cidade atravesando as lúgubres montañas de Transilvania.
Fotograma da secuencia inicial de O corpo aberto
Unha historia sobre límites e fronteiras
«Cando queres facer unha película engánchaste a unha idea moi concreta, unha figura poética que de súpeto te deslumbra», di a directora. No caso de O corpo aberto sempre foi a fascinación de Ángeles polas fronteiras e a súa complexidade, pero tamén a sensualidade.
«É unha historia sobre o corpo e os límites do corpo, unha historia moi de peles, de carnes… algo moi sensual, non só no visual, senon tamén no sonoro. Foi un dos motivos principais polos que queriamos facer a película».
Ι Ler máis: Una escalofriante lista de terror para todas las edades
O terror en O corpo aberto
O corpo aberto é unha película de terror difícil de categorizar, unha obra onde a exploración das fronteiras empapa ao xénero, fluctuando entre diferentes tons e matices ata atopar a súa propia voz.
Ángeles sempre foi unha fan incondicional do melodrama, así que referentes como Almodóvar, Christian Peltzold o Xavier Dolan inflúen inevitablemente na súa mirada á hora de rodar este relato gótico. Porque «o gótico é a exaltación do romanticismo, as grandes paixóns aderezadas cun compoñente esotérico, paisaxes como altofalantes do eu, e das súas paixóns…» E todo iso, cóntanos Ángeles, é o que define a O corpo aberto.
«É unha peli cun ton emocional moi complicado, porque se vas demasiado lonxe fas o ridículo, pero se non chegas tamén. Ten que haber unha verdade, tanto por parte dos actores como por todo o que os rodea, que foi moi difícil de conseguir».
«Pero sí que ten componentes de xénero, claro». Dende a súa propia premisa ata esa ambientación misteriosa entre sombras e néboas, O corpo aberto sabe xogar co noso medo para absorvernos de comezo a fin.
Fotograma de O corpo aberto
A serra do Xurés, unha complicada paisaxe ideal
Por suposto, a rodaxe de O corpo aberto non estivo exenta de dificultades. Unha paisaxe tan abrupta e remota como é a enigmática serra do Xurés está moi lonxe da comodidade dun plató. Pero Ángeles defende que é precisamente iso o que lle confire unha ambientación tan poderosa, «grazas á veracidade que che dan unhas paisaxes naturais ben tratadas».
«O primeiro deber dun director é inducir ese especie de transo colectivo, unha conexión emocional, case espiritual, entre todos. Dende o actor protagonista ata o último dos técnicos. E estando alí illados, na alta montaña ourensá, era moitísimo máis doado entrar nesa ilusión».
E é que se algo caracteriza ao proxecto de O corpo aberto e a valentía. A coraxe de Ángeles para enfrontarse, nunha primeira longametraxe de ficción, a abruptos exteriores naturais, rodaxes con nenos, con animais, interpretacións complicadas que deambulan entre personalidades diversas… Todo iso, por suposto, con moitísimos ensaios e unha capacidade de adaptación enorme, que converte cada reto nun piar fundamental da película.
Fotograma de O corpo aberto