GAL | Crítica ‘Eastern Anthems’. Premio a mellor película en Novos Cinemas
Remata a novena edición do festival Novos Cinemas e Eastern Anthems leva o Premio a mellor película da Sección Oficial e o Premio a mellor dirección do Xurado Novo. Galardóns que os directores Matthew Wolkow e Jeans-Jacques Martinod conseguen por unha «sublime maneira de navegar e combinar diferentes linguaxes plásticas», menciona o xurado. A película xira ó redor dun suceso «profético», como os propios directores definen: a ‘Brood X’. Trátase da última invasión de cigarras que tivo lugar en Estados Unidos, un suceso que se repite cada 17 anos. Miles de millóns destes insectos emerxen da súa vida subterránea para aparearse e volver agocharse depois. O que procura o diálogo entre estes dous directores é atopar nestas cigarras os seus ritmos e o seu particular coro de asubío —que acada os 100 decibelios—, unha maneira de entendernos a nós mesmos.
Ι Este artículo también está disponible en castellano
A primeira pregunta que nos facemos é: que relación poderían ter estes insectos cos humanos, coas nosas preocupacións e problemáticas sociais? Wolkow e Martinod atopan a resposta no camiño, articulando unha road movie a través das estradas de Estados Unidos. Alguén que prepara unha barbacoa, un fanático das cigarras cun micro, un músico no bosque… Cada un ofrece unha reflexón sobre a súa relación con estes diminutos insectos e, sen orde nin estructura, son eles os que constrúen a resposta que os directores procuran.
Iso é o que ó final persegue calquera road movie, dende Eastern Anthems ata Unha historia verdadeira: construír a través dos personaxes que atopamos no camiño, independentes e ata contradictorios, unha reflexión, aínda que ambigua e errática, profúndamente humana.
E do mesmo xeito que a relación entre o asubío das cigarras e os humanos non é directa ou racional, a película cobra esa mesma forma: arbitraria e sensitiva.A fotografía procura texturas e efectos para crear barreiras que nos impiden interpretar con certeza o que temos diante da cámara, e a música, imprevisíbel e impulsiva, lémbranos que non podemos achegarnos a Eastern Anthems dende a razón. Toda a película procura crear unha experiencia sensorial que, por riba de todo, tenta chegar a nós a través do son, replicando en forma de película o enigmático, estridente e vivo canto das cigarras.
«Ese son é un indicador de vida, unha forza vital. É precioso permitirte aprecialo».
Fotograma Eastern Anthems
A profecía das cigarras en Eastern Anthems
Máis aló da experiencia sensitiva, Eastern Anthems cobra sentido no momento no que xorde. As cigarras estiveron agardando baixo terra durante 17 anos para saír, precisamente, no verán de 2021. No momento no que, aínda lonxe de saír do túnel, a humanidade comezaba a ver a luz despois de máis dun ano de pandemia. Coma elas, estábamos ocultas do sol e da vida, agardando que, chegado o momento, saíramos á superficie e cantáramos ó unísono un himno de máis de 100 decibelios. Se estes insectos emerxen das profundidades para procrear unha nova xeración de cigarras, nós faríamolo para celebrar a vida.
Así o contan no documental nun dos mails que Wolkow e Martinod cruzan durante esta viaxe: «a cigarra é un símbolo de renacemento, inmortalidade e éxtase espiritual. Elas cantan ata morrer, e entón renacen. A chegada en 2021 do Brood X coincide coa nosa saída da escuridade. Nós somos Brood X.»
Eastern Anthems non é só un documental sobre cigarras, senón unha exploración da nosa humanidade, da nosa relación coa natureza, da nosa capacidade de repoñernos e rencer. Un himno composto por miles de insectos estridentes, pero tamén por voces humanas contradictorias, fráxiles e, as máis das veces, perdidas.
«Penso que se os humanos non o conseguen xuntos, acabaremos por desaparecer. E estou bastante seguro de que as cigarras seguirán aquí».