O festival Novos Cinemas encheu Pontevedra de cine un ano máis, baixo a premisa de achegar ao público filmes que supoñen a primeira ou segunda obra dos seus realizadores e realizadoras. Falamos da Sección Latexos, un espazo para películas pouco convencionais, máis difíciles de ver en circuitos cinematográficos e con rexistros máis íntimos, que deixan oco para a pausa, o tempo e a introspección. As catro películas seleccionadas este ano nesta sección comparten reflexións sobre a identidade, a pertenencia e o fogar.
Unha delas ten unha relación directa co festival, xa que é un proxecto que pasou polo LAB de Novos Cinemas. En. Las Galaxias, Guillermina Pico achéganos ás vidas de tres mulleres, Ana, Haneen e María, cuxas historias mestúranse na Pampa.
Fotograma de Las Galaxias | Novos Cinemas
Guillermina Pico emperga a imaxe para mostrarnos as amplas paisaxes, solpores e desertos da Pampa, nos que de cando en vez se intúe unha figura humana. A directora reflexiona sobre que conforma a nosa identidade: é o espazo que habitamos? o que deixamos de habitar? as persoas que viviron antes, que nos trouxeron a onde estamos agora? Las Galaxias pregúntase en que consiste a identidade a través de mulleres como a que conta a historia da súa avoa, que á súa vez moldea a historia da súa familia:
«A miña avoa falaba a lingua á que chaman “de paisano” (…). Segundo o meu pai, a miña avoa non lla quería ensinar a eles para que os seus fillos non fosen coma ela, que falasen esa lingua»
As mulleres que protagonizan Las Galaxias exploran as súas historias vitais en busca dun relato propio e, inevitablemente, evocan as historias das súas avoas, dos seus pais e irmás, e atopan a identidade arraigada no espazo, no humano, na linguaxe.
En Ulysses, Hikaru Uwagawa tamén entrelaza as historias de distintas persoas que perseguen unha identidade e viaxan, igual que Ulises, buscando regresar a Ítaca. A película conformarse de tres historias: a dun neno en Madrid que agarda a un pai que non regresa, un mozo xaponés que atopa amizades en San Sebastián e outro que regresa a Xapón para recibir o espírito do seu avó falecido. Tres historias cun fino nexo que medita sobre o fogar e se pregunta por que viaxamos: por pracer, por necesidade, por amor, por inercia.
Fotograma de Ulysses | Novos Cinemas
Los reinos, de Manuel Muñoz, resultou gañadora do premio da Sección Latexos no festival. Nela, unha parella recrea momentos da súa vida conxunta, xogando a interpretarse a si mesmos, mentres un hipnótico narrador nos advirte da súa inminente ruptura. Manuel Muñoz roda con pulso firme a intimidade, e consegue resignificar as imaxes ó narrala, facéndonos espectadores conscientes da súa historia de separación.
Con Mitología de barrio, Alejandro Pérez Castellanos, Antonio Llamas e Jorge Rojas firman a última —e máis política— película da sección. Nela, un home queda durmido na súa tenda durante un caluroso día de verán. Cando esperta, lembra o sono que tivo: a cidade cambiou e ninguén sabe xa como voltar á casa. Os directores, que pertencen ao colectivo Espíritu Escalera, cuestionan en Mitología de barrio os lugares que habitamos e como as nosas lembranzas e o noso paso por eles tamén conforman e condicionan ese espazos. Unha película que invita a pararse a observar os nosos espacios cotiás e analizar como o tempo e o capitalismo os modifican ata volvelos irrecoñecibles.