Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989) é considerada unha das tres películas que inician o cine galego, xunto a Urxa (Carlos Piñeiro, Alfredo García Pinal, 1989) e Continental (Xavier Villaverde, 1990). ¿Que nos conta da Galicia rural 33 anos despois da súa estrea?
Ι Leer en castellano: El legado de 'Sempre Xonxa', el primer largometraje en gallego
Sempre Xonxa abarca a infancia, adolescencia e adultez de tres veciños dunha pequena aldea: Pancho, Birutas e Xonxa. É un relato inusual, un drama sobre as consecuencias emocionais da emigración que ao mesmo tempo ofrece un alivio cómico da man do realismo máxico que autores como Álvaro Cunqueiro trasladaron ao rural galego, e todo iso contado ao longo de 40 anos.
O 25 de novembro de 1989 é a data que escolle Chano Piñeiro para estrear a primeira longametraxe galega rodada en 35 mm. Trinta anos despois, en 2019, O que arde (Óliver Laxe) convértese na primeira película en lingua galega que se proxecta na sección oficial do Festival de Cannes. Hoxe, películas como Alcarràs (Carla Simón, 2022) demóstrannos que as linguas cooficiais non son un obstáculo para se converter nun éxito tanto de crítica como de recadación. Pero no 89 non era así.
O personaxe de Caladiño evoca o realismo máxico de Cunqueiro
Para que a primeira película en galego vise a luz, o seu creador tivo que pasar anos pelexándoa. Piñeiro terminou o primeiro borrador do seu guión en 1985, e non foi ata 1988 que comezou a súa rodaxe. Sempre Xonxa foi a última longametraxe do autor, que faleceu en 1995 á idade de 40 anos.
Ι Leer más: La ficción española necesita todas sus lenguas
Levantar unha película nunha lingua cooficial sempre foi máis difícil que unha en castelán. En Cataluña, por exemplo, o número de películas rodadas en catalán reduciuse dun terzo do total en 2013 a un 22% en 2018. A causa disto non é a falta de interese por parte do espectador, senón a gradual desaparición de axudas estatais para rodar en linguas cooficiais, sumado a unha dixitalización do sector que afecta ás salas de cine máis pequenas. Nos 80 estas axudas eran incluso menores; por iso Sempre Xonxa, tras unha rodaxe que se demorou un ano e medio por motivos económicos e técnicos, convértese nunha película que pasa completamente desapercibida fóra de Galicia. Parte deste fracaso é a temática que aborda, que si logra calar entre o público galego.
Chano Piñeiro dirixindo aos actores
A emigración foi, durante todo o século XX, un fenómeno que afectou en gran medida á sociedade rural galega. Sempre Xonxa trata o tema da emigración dende o marco dun triángulo amoroso entre os tres personaxes aos que vemos crecer. Birutas parte cara a América e xera unha ferida emocional que ningún dos tres involucrados é capaz de pechar nunca. Pero a historia non queda alí, tamén nos mostra o deterioro da propia aldea co paso do tempo a consecuencia do exilio. A infancia de Xonxa ten lugar nunha aldea colorida e primaveral, chea de veciños que desfrutan do entorno e das tradicións locais; a súa madurez é todo o contrario, a aldea ficticia de Trasdomonte quedou medio en ruínas, e aos que non marcharon pouco lles queda que celebrar.
Hoxe en día todos estamos familiarizados cos problemas da España baleirada, e moitas ficcións patrias o denuncian. Fai 33 anos, Chano Piñeiro xa alertaba do éxodo ás cidades e da perda de identidade que implica. Actualmente, a pequena localidade de Santoalla, en Ourense, onde se rodou Sempre Xonxa, é unha de tantas vilas abandonadas da Galicia de interior. A macabra rivalidade entre as dúas últimas familias que o habitaron inspirou As Bestas, o novo thriller de Rodrigo Sorogoyen e Isabel Peña. Por iso gústanos pensar que sobre as ruínas dunha aldea morta, o legado de Sempre Xonxa segue vivo.
Ι Leer más: Unha película ou serie en galego por cada xénero